O Concello de Bueu inaugura a piscina municipal cuberta nas Lagoas, «un espazo para soñar»

  • O acto celebrouse nesta infraestrutura situada nas Lagoas, coa presenza de autoridades e representantes de colectivos da vila
  • Félix Juncal salientou que este lugar será un referente en materia de accesibilidade, mobilidade, eficiencia enerxética e enerxías renovables, e que supón “un futuro feito realidade”

A vila de Bueu viviu este sábado, 10 de outubro, un día histórico coa inauguración da piscina municipal cuberta, nun acto moi emotivo no que participou o alcalde do municipio, a presidenta da Deputación de Pontevedra, concelleiros e concelleiras da corporación municipal, e representantes dos colectivos deportivos, culturais e sociais. Félix Juncal aludiu a “este día como histórico, pero soamente un máis dos moitos que chegarán para que Bueu sexa a vila que desexamos e soñamos, porque o futuro é hoxe”.

Ás 12.00 h do mediodía, a Banda de Gaitas Manxadoira deu comezo ao acto coa interpretación dunha peza musical, despois da cal xa tomou a palabra a xornalista local Carmen Novas, encargada da condución da xornada inaugural. A primeira persoa en intervir foi Javier Antoñón, arquitecto municipal e director da obra, quen falou das dificultades desta obra que se construíu grazas á axuda de moitas persoas, e finalizou dicindo que “agardo que os soños se sigan cumprindo”.

Após este discurso, e a través das pantallas colocadas no vial próximo á piscina das Lagoas, as persoas asistentes puideron gozar dun vídeo no que se explica a xénese do proxecto da piscina e o que supón para a vila contar cun espazo cuxa principal característica é que logra xuntar o deporte coa saúde, e que será un referente en materia de accesibilidade, mobilidade, eficiencia enerxética e enerxías renovables.

Interviu de seguido Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, quen lembrou o compromiso da institución provincial con este proxecto a través das axudas do Plan de Reequilibrio Territorial e do Plan Concellos, cos que se financiou practicamente a totalidade dunha obra valorada en 2,8 millóns de euros. A presidenta mostrou a súa emoción e felicidade e aseverou o seu compromiso con Bueu porque “ante todo, a política debe servir para mellorar a vida das xentes, a política é servizo público”.

Cunha serie de agradecementos e mencións especiais arrancou Félix Juncal, alcalde da vila, o seu discurso na inauguración, no que rememorou aquel ano 2006 no que se comezou a xestar este soño a través dunha moción presentada polo BNG para destinar os terreos á futura piscina, e que contou co apoio de toda a corporación municipal daquel entón. Tamén tivo palabras para o bipartito BNG-PSOE que presidía a Xunta de Galicia no ano 2099 e que se comprometera con este proxecto, que finalmente con contou con financiamento autonómico ao rematar ese goberno. Aínda así, “foi grazas ao bipartito BNG-PSOE, desta vez na Deputación de Pontevedra, que Bueu consegue a piscina”, aseverou Juncal, que remarcou que temos “un espazo para soñar” e que “o futuro se fixo realidade”. Así mesmo, remarcou que “gobernar é decidir, decidir é arriscar, sen arriscar non hai progreso, e sen progreso non se produce o cambio”.

As persoas asistentes puideron ao final visitar as instalacións en grupos reducidos e compartir un pequeno ágape, e en todo momento o Concello de Bueu cumpriu con todas as medidas de seguridade anti-Covid.

Esta gran infraestrutura, cuxa obra foi acometida por Obras y Servicios Gómez Crespo SL, suporá un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), conta con diversas salas polivalentes co fin de fomentar a práctica doutros deportes. Polo tanto, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que terá unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación e nos que o Concello leva traballando moitos anos a través do programa ‘Bueu Concello Saudable’.

Vídeo sobre a piscina (acceso Youtube)