Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu valora con Augas de Galicia unha actuación de mellora integral da rúa Pazos Fontenla

  • Un técnico do ente autonómico visitou hoxe o treito urbano da PO-315 para analizar a renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais

Félix Juncal, alcalde de Bueu, reuniuse este mércores ao mediodía cun técnico de Augas de Galicia para valorar unha actuación de mellora integral da rúa Pazos Fontenla, que incluiría a renovación das redes de auga nun tramo urbano titularidade da Xunta de Galicia. No encontro, o alcalde, acompañado tamén do arquitecto municipal, o arquitecto técnico e o responsable da empresa concesionaria do servizo de augas, FCC Aqualia, realizaron unha visita na que valoraron as diversas problemáticas que se pretenden corrixir coa renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais nesta rúa, cunha lonxitude de máis dun quilómetro.

Segundo declarou o alcalde tras a visita, “esta actuación é prioritaria e reclamamos que a Consellería de Infraestruturas valore unha mellora integral, que incluiría tamén a renovación do pavimento polas dúas beirarrúas que se atopa en moi mal estado, coas conseguintes molestias para a cidadanía”. Así, dende a alcaldía xa se remitira un proxecto valorado en preto de 90.000 euros para a renovación destas redes de augas, e a visita de hoxe serviu para analizar polo miúdo o estado actual das mesmas de cara á adopción de posibles solucións por parte de Augas de Galicia.

Na actualidade, a rede de saneamento é unitaria e atópase obsoleta e ao límite da súa vida útil, co conseguinte risco de rupturas e filtracións. Ademais, o carácter único desta rede dá lugar á sobrecarga hidráulica da mesma nos períodos de precipitacións, sobre todo na zona próxima ao río Bispo, problemáticas que lle trasladou o rexedor ao técnico autonómico, quen realizará nos próximos meses un inventario completo do estado da rede de cara á proxección dunha actuación prioritaria para a vila morracense.