Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu homenaxeou a Xosé Diz, autor da mítica ‘Falemos galego’ e alma do Entroido da vila

  • Félix Juncal, alcalde da vila, manifestou que “é para nós un pracer promover este acto de recoñecemento a Xosé Diz, que forma parte da historia viva do noso pobo
  • Diz foi un dos fundadores da mítica comparsa bueuesa Os Mulos, quen tamén interviron no acto deste luns

O Concello de Bueu homenaxeou este o luns a Xosé Diz, un dos fundadores da comparsa Os Mulos e compositor da mítica canción de “Falemos galego”, ao que se recoñeceu pola súa contribución ao mantemento do Entroido na vila.

O acto tivo lugar ás 20 horas no salón de plenos da Casa do Concello coa presenza do alcalde e edís da corporación municipal, e estivo amenizado pola actuación e as letras retranqueiras da comparsa Os Mulos.

Carmen García, concelleira de cultura, comezou reivindicando as persoas que mantiveron vivo o Entroido de Bueu. Xosé Diz, homenaxeado deste ano, foi un dos membros fundadores da comparsa Os Mulos en 1985, pero a súa vinculación ao Entroido chegou moitos anos antes, pois xa formara parte das Pirilleiras. Da súa autoría é “A nova oula” ou “Falemos galego” que veu a luz en 1971. Esa letra precisamente resume moi ben o espírito do Entroido e xa se converteu nun dos seus himnos, e ata o cantautor Suso Vaamonde se namorou dela popularizándoa co grupo A Roda. É por iso que dende o Concello se agasallou a Diz cunha placa de cerámica elaborada pola artista Cavalinho do demo na que se condensa o Paxaro do Mal Agoiro e as letras dese “Falemos galego” que, por certo, tamén foi cantado ao remate do acto por Os Mulos, coa compaña do público asistente e do propio Diz.

Félix Juncal, alcalde da vila, manifestou que “é para nós un pracer promover este acto de recoñecemento a Xosé Diz, que forma parte da historia viva do noso pobo e por iso queremos agradecerlle a súa contribución non só ao noso Entroido senón tamén á historia local”, pois “el, ao igual que outros homes e mulleres desta vila, constrúe o que somos”. Juncal definiu a Diz coma un home afable, querido, comprometido, ilusionado e tenaz coa música.

Durante todo o acto, Diz cantou algunhas das letras cos Mulos e ao remate dirixiu unhas palabras de agradecemento polo acto, cunha emoción fonda e con desexos de “volver”.