Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación do contrato de xestión da Piscina Municipal de As Lagoas

  • As empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o 23 de marzo
  • O orzamento base de licitación é de 1.884.236 euros e cun prazo de duración de catro anos

O Concello de Bueu abre o prazo do contrato de licitación de xestión da Piscina Municipal de As Lagoas, cun orzamento base de 1.884.236 euros e catro anos de duración. O anuncio foi publicado no Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas antes do 23 de marzo ás 13.30 horas, tal e como se recolle na documentación oficial.

O contrato establece a previsión de contar con ata doce persoas contratadas, caso dun director/a, dous recepcionistas, dous monitores da sala de fitness, dous socorristas, un monitor de actividades, unha persoa encargada de mantemento e dúas para o servizo de limpeza. Os custes salariais estímanse en 239.000 euros anuais, sendo o total de 1.014.273 euros nos catro anos.

O desglose do custe anual da xestión da piscina é de 445.363 euros no primeiro ano 462.066 no segundo, 479.406 para o terceiro e 497.402 para o cuarto. Os pregos inclúen tamén a previsión para un quinto exercicio en caso de que houbese que aprobar unha prórroga, que sería de 514.675 euros. O cálculo dos custes da licitación deixa fóra unha serie de gastos que asumirá directamente o Concello de Bueu, caso do subministro de auga, gasóleo e electricidade, cun custe de 88.000 euros anuais; gastos por licenzas, mantementos e software e dominio informático, estimados en 4.350 euros; servizos de comunicación telefónica, móbil e internet, que son 1.200 euros ao ano; e mantemento de ascensores, cunha previsión de preto de 490 euros anuais.

Pola súa banda, a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir o equipamento técnico para o traballo cardiovascular, máquinas de musculación guiada, equipamento de peso libre e material para adestramento funcional, estiramentos e relaxación. O orzamento estimado é de 120.000 euros, unha cantidade a amortizar durante a duración do contrato.

As bases establecen os criterios de adxudicación e as posibles puntuacións en función da oferta. O aspecto ao que se lle outorgará maior puntuación é a oferta económica, seguida da calidade ou experiencia acreditada, o incremento de horas a maiores sobre as que recolle o contrato, o aumento da maquinaria e o menor tempo de posta en marcha do servizo.

A piscina de As Lagoas

O Concello de Bueu abriu ao público a piscina municipal en abril do 2021 de balde , cun horario reducido e prestando tan só os servizos de natación no vaso nun total de 42 horas semanais de luns a sábado e tamén se veñen realizando as clases de ximnasia municipais dentro das súas instalacións.

Esta gran infraestrutura, cuxa obra foi acometida polo Concello de Bueu co financiamento da Deputación de Pontevedra, está a supoñer un gran incremento na saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), conta con diversas salas polivalentes para a práctica doutros deportes. Polo tanto, non se trata só dunha instalación deportiva, senón que ten unha forte compoñente relacionada coa potenciación de hábitos saudables, cada vez máis presentes e demandados entre a poboación e nos que o Concello leva traballando moitos anos.