Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acometeu unha limpeza integral da Praza de Abastos

A Praza de Abastos de Bueu foi sometida estes dous días a unha limpeza profunda das instalacións. Os traballos, que xa estaban programados dende hai semanas coa Asociación de Vendedor@s da Praza de Abastos, consistiron nunha limpeza a fondo dos elementos interiores, e tamén dos lucernarios do teito. Para iso, este espazo pechouse ao público o luns e martes, tal e como confirmaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, durante a visita ao lugar.

O goberno local ten previsto reparar as zonas da cuberta dende as que se detectaron filtracións de auga cara o interior, engadindo algunha baixante. Así mesmo, para o próximo mes a previsión é substituír o cano, polo que se agarda que os problemas da auga queden solventados.

A Praza de Abastos de Bueu é un dos grandes polos do comercio local na vila, e é visitada por moitísimas persoas tanto bueuesas como da contorna e mesmo da provincia. Conscientes do potencial deste espazo, dende o goberno local levaron a cabo nos últimos anos diversas actuacións para poñelo en valor, como a rehabilitación do 2º andar, cun espazo para mercados temáticos e cociña, ou a habilitación de soportais no exterior para as persoas que venden os excedentes do campo e que funcionan coma un complemento da praza.