Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza co axardinamento da rotonda da zona norte do Parque Empresarial

O capataz da brigada de xardinería e as persoas contratadas no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra arrancaron esta semana cos traballos de axardinamento que se van levar a cabo na rotonda da zona norte do Parque Empresarial de Castiñeiras que, segundo destaca Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, se trata dunha vella demanda da Asociación de Empresarios.

Actualmente estase limpando toda a superficie, e xa se comezou co fresado da parte que terá un acabado con herba natural, e no que se instalará tamén un rego automático. Esta actuación completarase con plantas ornamentais, cuxa colocación está deseñando o capataz de xardinería municipal, e que suporá unha gran mellora neste espazo, sen que se reste visibilidade aos vehículos.

O alcalde supervisou este mércores os traballos para os que xa se solicitou autorización á Deputación de Pontevedra, dado que o vial é de titularidade provincial. O Concello adquirira este compromiso hai tempo nas reunións mantidas co empresariado, e salienta que vén a completar as renovacións que se levaron a cabo no polígono durante os últimos anos, como a renovación da iluminación e o cambio dos báculos, a reparación integral das beirarrúas ou a mellora da sinalización horizontal nos viais.