Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Nota aclaratoria da alcaldía en relación a un ‘suposto’ verquido na praia da Robaleira

En canto á noticia dun suposto verquido que denuncia a veciñanza da zona da praia da Robaleira, en Beluso, aparecida este mércores no xornal Faro de Vigo, Félix Juncal, alcalde de Bueu, descarta totalmente a existencia de verquidos de augas residuais na zona. Tras o informe emitido por FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de augas municipal, o problema derivouse dunha tubería de abastecemento que ía por dentro da calzada e que sufriu un desgarramento con motivo das obras de mantemento acometidas no vial nos días previos.

Con todo, a concesionaria deixa claro no informe emitido á alcaldía que “o derrame mencionado corresponde a unha fuga na rede de abastecemento de auga potable, non á rede de saneamento, fuga que foi localizada e reparada o 2 de setembro, para o que foi necesaria a interrupción do subministro de auga potable que abastece a zona da praia de Beluso para a súa reparación entre as 9.00 e as 10.00 h”.