Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello celebrou a sesión plenaria de novembro a porta pechada e con transmisión en directo

  • As mocións presentadas polo PP, sobre a designación dun delegado de protección de datos e unha campaña de apoio ao comercio local, foron desestimadas porque estes asuntos xa se atopan na “axenda de traballo do goberno”
  • Aprobáronse por unanimidade a declaración institucional polo 25 de novembro, así como o consentimento á inclusión das alfombras florais de Bueu na Lista Representativa do Patrimonio da Humanidade

A corporación municipal de Bueu celebrou a sesión plenaria este luns, 2 de novembro, cun formato novidoso, pois adaptouse o salón de sesións para que os concelleiros e concelleiras puidesen cumprir coas medidas de seguridade, ao tempo que se transmitiu en directo a través da canle de YouTube do Concello de Bueu. Estas medidas, que foron adoptadas para previr a Covid-19 e cumprir co horario do toque de queda, permitiron celebrar unha sesión a porta pechada que, con todo, estivo ateigada de asuntos no debate, non só os incluídos na orde da día, senón tamén os traídos pola vía da urxencia.

Tras a aprobación das actas das sesións anteriores e da Conta Xeral do 2019, o debate centrouse na moción presentada polo PP na que se instaba ao goberno local a designar antes do 31 de decembro deste ano un delegado de protección de datos entre o cadro de persoal municipal. A moción foi desestimada, pois contou cos votos a favor de PP e PSOE e en contra de BNG e ACB. Estes últimos, que conforman o grupo de goberno, esgrimiron que “é unha proposta extemporánea na que o goberno xa leva meses traballando, a través dunha empresa que impartiu cursos de formación en protección de datos ao funcionariado, e que o delegado se nomeará a través dun convenio coa FEMP ou cunha licitación”, en palabras de Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, reiterou que “é urxente resolver este problema, sobre todo cando estamos infrinxindo a lei dende o ano 2018 e tempo houbo para solucionalo”, para o que incluso propuxo alternativas, coma un convenio coa Deputación de Pontevedra. Ante iso, Xosé Leal, voceiro do BNG, declarou que “o PP estanos acostumando a traer mocións sobre o traballo que xa temos na folla de ruta do goberno e por iso votaremos en contra”. A moción, entón, foi desestimada, ao igual que a que presentou o PP a continuación referente á realización dunha campaña de reactivación do comercio local durante a campaña de Nadal. A voceira popular defendeu que “é necesario que dende o Concello se apoie o comercio local nunha época tan complicada como o Nadal”, argumento que desbotou rapidamente Xosé Leal, do BNG, cando defendeu a postura en contra do goberno polos mesmos motivos xa expresados na anterior moción: o goberno levaba mantendo reunións periódicas con FECIMO xa dende comezos do confinamento e xustamente catro días antes da presentación da moción celebraron un encontro o alcalde e a concelleira de promoción económica no que o goberno puxo enriba da mesa a vontade de colaborar nunha campaña, ou ben de cara ao Black Friday (Venres Negro) ou para o Nadal, ideas que deberían agardar pola valoración dos departamentos técnicos do Concello. Como reforzo a este argumento, Félix Juncal, alcalde de Bueu, afirmou que “esta moción volve ser a confirmación de que o PP é pouco orixinal, ao presentar cuestións nas que xa levamos tempo traballando”. A moción, ao igual que a anterior, foi desestimada, ao contar cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e en contra do BNG e ACB.

No que si houbo unanimidade foi nas propostas que se debateron no pleno pola vía da urxencia. A primeira delas tiña que ver co inicio dun expediente de investigación sobre a natureza dun camiño público ou privado na zona de Coumiñán (Beluso), que está xerando moito malestar entre a veciñanza do lugar e cuxa natureza é preciso esclarecer canto antes, segundo consta na proposta do concelleiro de urbanismo. Continuouse coa moción de consentimento para incluír as alfombras de Bueu na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade; e tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional polo 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas. Por último, cos votos a favor de BNG, ACB e PP, e a abstención do PSOE, saíu adiante a proposta de compatibilidade laboral da Técnica de Administración Xeral que estes días se incorporará ao Departamento de Urbanismo.