O Concello de Bueu organiza un programa de actividades sobre o fotógrafo José Suárez
- A Sala Amalia Domínguez Búa acolle unha mostra de fotografías da serie “Mariñeiros” ata o 5 de xullo
- Haberá contacontos, charlas, coloquios, presentacións de libros e intervencións artísticas que porán en valor o legado do artista e a vinculación coa vila bueuesa
O Concello de Bueu promove durante todo o mes de xuño un monte de actividades para reivindicar o legado do fotógrafo José Suárez. A inauguración o pasado venres da exposición “Mariñeiros. Bueu, 1936”, organizada conxuntamente co Centro de Estudios Fotográficos na Sala Amalia Domínguez Búa serviu de inicio ao que será o programa de actos, con propostas como contacontos, charlas, coloquios, presentacións de libros e intervencións artísticas.
A exposición, que se poderá ver ata o 5 de xullo na Sala, está composta por trinta e unha imaxes seleccionadas da serie “Mariñeiros”, a gran maioría realizadas na vila bueuesa. Como destacou a concelleira de cultura, Carmen García “son imaxes que falan de Bueu en primeira persoa, da nosa identidade, da nosa historia e especialmente, das xentes do noso pobo; xente que hoxe nestas fotografías poñen nome ao mar e aos traballos relacionados con el”. Nestas fotografías, tomadas entre os anos 1935 e 1936, obsérvanse escenarios da vila, como praia da Banda do Río ou a de Beluso.
O programa continuará o 17 de xuño co contacontos infantil e ilustrado sobre José Suárez co Colectivo Xurelo ás 18 horas.
Ao día seguinte, 18 de xuño, Xosé Luis Suárez Canal, sobriño do artista, e Manuel Sendón, impartirán ás 19 horas a charla “Importancia de Mariñeiros na vida e obra de José Suárez” no Centro Social do Mar. O venres desa semana será a quenda de “Retratar o mar”, un coloquio de Xaime Toxo e Arturo Sánchez Cidrás que terá lugar ás 20 horas no mesmo espazo.
O sábado 20, a escritora Olaia Sendón presentará o seu libro ilustrado Tras da mirada de José Suárez ás 12 horas e tamén fará a intervención artística “Perpetuando”, na que se recrearán fotos do artista e na que se busca a participación
E por último, a partir do 22 de xuño, a artista portuguesa Mariana Duarte Santos fará unha intervención artística no exterior do Centro Social do Mar co deseño dun gran mural a partir dunha das imaxes de Suárez, e cunha duración de oito días.
Con todo isto búscase que a mostra teña duración no tempo, que igual que Súarez deixou unha pegada tremenda na historia local, esta exposición deixe unha pegada en todas e cada unha das persoas da vila de Bueu.