Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para o subministro de varios vehículos

  • O Concello investirá 220.000 € na adquisición dun furgón con remolque, un camión baldeador e un camión con brazo grúa, que conta cunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra
  • O prazo de presentación de ofertas será de 15 días naturais, e toda a documentación poderá consultarse na Plataforma de Licitación do Estado

O Concello de Bueu abre o prazo de presentación de ofertas para o subministro de varios vehículos, concretamente un furgón con remolque, un camión baldeador e un camión con brazo grúa, que reforzarán a brigada de obras e servizos. O anuncio foi publicado este xoves na Plataforma de Licitación do Estado e as empresas interesadas contarán con 15 días naturais para presentar as súas ofertas.

Este subministro conta cun orzamento total de 220.000 euros, IVE engadido, aínda que se divide en tres lotes: o primeiro, relativo ao furgón para o transporte de operarios e material con remolque, está valorado en 30.855 euros; o segundo é o camión baldeador cun orzamento de 138.646 euros; e o terceiro, o camión con brazo grúa, cun importe de licitación de 50.499 euros.

A adquisición destes vehículos farase no marco da subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, e Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que con este subministro se reforzarán as condicións da brigada de obras e servizos municipal. Concretamente, o furgón permitirá que o fontaneiro, electricista, xardineiro, peóns oficiais e persoal de limpeza viaria conten cun vehículo amplo, ao tempo que tamén serviría para o transporte de pequeno material necesario para acometer diversas obras. O camión baldeador solicítase para mellorar a limpeza viaria e a desinfección dos espazos públicos e complementará moi ben a que xa se vén realizando coa máquina varredora adquirida hai catro anos. E o camión con brazo grúa facilitará o transporte, a carga e a descarga de materiais e maquinaria pesada.