Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de presentación de ofertas para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

  • O Concello investirá arredor de 576.124,47 € por ano e o contrato terá vixencia de dous anos prorrogables
  • O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 10 de marzo, e o anuncio e toda a documentación poderá consultarse na Plataforma de Licitación do Estado

O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata o 10 de marzo. Tal e como se salienta na proposta da concellaría de benestar social, o Concello investirá un total de 576.124,47 € por ano, e o contrato terá vixencia de dous anos prorrogables, e o anuncio pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, logo de que saíse no Diario Oficial da Unión Europea. Unha vez pechado o prazo, celebrarase unha mesa de contratación o 15 de marzo ás 10.00 h da mañá no salón de plenos da Casa Consistorial.

Este servizo comprende a atención no fogar e a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia como servizo social comunitario básico dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando así a súa posible institucionalización.

Ana Isabel Otero, edil de benestar social e igualdade, fai fincapé en que “se trata dun servizo básico financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, e unha pequena achega das persoas usuarias, e no que levabamos moito tempo traballando”.