Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para o contrato de colaboración na xestión tributaria

  • As empresas interesadas no servizo poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de abril
  • O expediente foi aprobado no pleno da corporación municipal do mes de marzo

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación do servizo de colaboración na xestión tributaria, inspectora e recadatoria ena xestión dos expedientes sancionadores en materia de tráfico. Así se recolle no anuncio publicado na Plataforma de Licitación do Estado, onde se establece o 9 de abril como data límite para que as empresas interesadas remitan as súas ofertas económicas de forma electrónica.

O expediente foi aprobado polo pleno da corporación municipal do 1 de marzo (cos votos a favor de BNG e PP, e as abstencións de PSOE e ACB), e agora ábrese o prazo para a presentación de ofertas para un servizo cuxo orzamento base de licitación se estipula en 419.364,46 €, cunha duración de dous anos, ao que habería que engadir os impostos e os importes das prórrogas, dun máximo de dous anos máis.

Segundo se apunta no informe xustificativo asinado por Julio Villanueva, concelleiro de facenda, esta prestación contractual de servizos de colaboración veuse executando de forma ininterrompida por distintas mercantís dende o ano 2002 debido á escaseza de medios e de persoal municipal. Isto é así dado que “a Tesourería Municipal carece de medios persoais, materiais, físicos e técnicos, cara a prestación dun adecuado servizo de xestión tributaria”. A iso engádese que o Concello non pode contratar novo persoal de forma definitiva.

O contrato experimenta un aumento do seu custe en torno a un 20% con respecto á anterior, debido sobre todo ás novas melloras que houbo que poñer en marcha nestes anos, como o caso da implantación da administración electrónica ou a apertura da Oficina Virtual Tributaria, que facilitan á cidadanía o acceso aos servizos de pagamento das taxas e tributos municipais, así como unha relación máis directa e adaptada aos tempos que corren.

Toda a información pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, con ligazón dende a web municipal.