O Concello homenaxea a Judit Cerviño, María Tenorio e Patricia Torres no Día Internacional das Mulleres

  • As tres bueuesas recibiron os V Premios Sofía Novoa de Igualdade a traballos de fin de grao e máster da Deputación de Pontevedra hai uns meses
  • O alcalde salientou que “os homes deberiamos ser permeables ao que as mulleres nos tedes que transmitir, co fin de construír un mundo máis xusto e máis feminista”

O Concello de Bueu acolleu este luns pola tarde o recibimento oficial a Judit Cerviño Malvido, María Tenorio Solla e Patricia Torres Ferradás, a quen se lles fixo entrega dun agasallo institucional na súa vila natal, logo de que a Deputación de Pontevedra as galardoase cos V Premios Sofía Novoa de Igualdade aos traballos de fin de grao e máster. O acto, que se enmarca na Semana da Muller organizada polo Concello de Bueu con motivo do 8 de marzo, contou coa presenza da corporación local e de familiares e amizades das tres homenaxeadas.

Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, iniciou o acto lembrando o compromiso que a institución municipal ten coa educación como ferramenta para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, e de aí que agradecese a participación destas “tres mulleres que traballan e loitan por isto día a día”. A edil nacionalista deu lectura á declaración institucional da corporación municipal con motivo desta data, na que se fai fincapé na fenda salarial e no impacto brutal que tivo a Covid-19 nas vidas das mulleres, para logo recital un poema de Xela Arias, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

A continuación interviu Félix Juncal, alcalde de Bueu, quen reivindicou a necesidade de “defender un feminismo combativo”, no que “os homes deberiamos ser permeables ao que as mulleres nos tedes que transmitir, co fin de construír un mundo máis xusto e máis feminista”. O rexedor dirixiuse ás tres homenaxeadas, as cales representan un tempo novo, un novo espazo, aínda que advertiu que “vivimos un momento convulso, no que por un lado avanza o feminismo participativo, pero por outro, aínda parecen existir homes que se resisten ao que é a igualdade e a xustiza”.

Por último, e antes de recibir os agasallos, as tres homenaxeadas explicaron o xerme dos seus traballos e os obxectivos que pretendían con eles. A primeira foi María Tenorio, quen seguiu o acto en directo e por videoconferencia dende o Brasil. Ela realizou un traballo comparativo entre o tratamento dos medios de comunicación españois e brasileiros do MeToo, despois do que tirou certas conclusións, como que serviu como que este movemento serviu de “altofalante das mulleres, e permitiunos deixar atrás o medo, pois non estamos soas”. Pola súa banda, Judith Cerviño explicou que o seu traballo consistiu na análise da publicidade entre os nenos e nenas dende o ámbito educativo. Así, o que ela propón é a coeducación, e ferramentas coas que detectar estereotipos e roles machistas nas cancións, imaxes etc.

Por último, Patricia Torres fixo unha análise na que tentou poñer en valor o papel das mulleres da conserva de Massó entre o alumnado do CEIP A Pedra, pois “é importante que coñezamos os testemuños das mulleres que protagonizaron ese tempo, porque tamén así entendemos a historia social da nosa contorna”.