Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A piscina municipal cuberta das lagoas abre o 29 de marzo cun período gratuíto de tres meses

  • A piscina funcionará entre abril e xuño con horario reducido para dar a coñecer as instalacións
  • O monitor deportivo do Concello está realizando dende a semana pasada as chamadas ás persoas que cumprimentaron o cuestionario previo o pasado ano

A piscina municipal cuberta de Bueu, situada nas Lagoas, abrirá proximamente as súas portas á cidadanía de balde durante un período de tres meses nos que os horarios serán reducidos e adaptados á medidas e protocolos Covid-19. Así o anuncia Félix Juncal, alcalde da vila, quen salienta que dende o 29 de marzo e ata xuño a piscina funcionará nun horario provisional, á agarda de que se leven a cabo todos os trámites necesarios dende o Concello para proceder a realizar un contrato de xestión de servizos para os próximos anos.

Así, dende o pasado 1 de marzo, o monitor deportivo do Concello de Bueu trasladouse ás dependencias da piscina, onde xa se atopa realizando chamadas entre a máis de 350 persoas que o pasado ano cubriron o cuestionario previo promovido dende a institución municipal para testar o interese da cidadanía. Con todo, as demais persoas interesadas poden achegarse fisicamente pola piscina en horario de 9.00 a 12.00 h ou chamar ao teléfono 986138689 para informarse das condicións e/ ou realizar unha visita guiada ás instalacións, que será sempre controlada e en grupos reducidos.

En canto á xestión da mesma, segundo se apunta dende o grupo de goberno, está previsto que a piscina abra nesta primeira fase de abril a xuño de forma gratuíta como unha forma de dar a coñecer as instalacións, ata que posteriormente se licite por un período e cuns horarios máis amplos. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta “quedan uns meses para preparar a documentación completa de cara á licitación da xestión do servizo e a adquisición da maquinaria e do equipamento das salas polivalentes”, un proceso que “será longo debido a que nos próximos meses se producirá un cambio na Secretaría Xeral Municipal do Concello”.

Polo de agora, nesta primeira etapa, o Concello contará cos servizos dunha empresa a través dun contrato menor de 38,5 horas semanais, que se repartirán do seguinte xeito: de luns a venres, de 10.00 a 13.00, e de 17.00 a 21.00 h, e os sábados de 10.00 a 13.30 horas.

Unha vez que o monitor deportivo remate coas chamadas ás persoas que cumprimentaron o cuestionario, abrirase ao resto da cidadanía para que participen nesta primeira fase de apertura da piscina. En todo caso, tal e como salientan dende a alcaldía, “o próximo venres confiamos en que a Xunta anuncie novas medidas que permitirán ampliar o número de persoas de cada grupo”, insistindo en que “todo estará perfectamente controlado e protocolizado, tanto a asistencia á piscina para nado como as visitas guiadas”, culmina Juncal.