Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello activa o plan de limpeza e desbroces deste ano

O Concello de Bueu activou esta semana o plan de limpeza e desbroces dos espazos públicos municipais. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, realizaron unha visita ao Paseo de José Solla, nas praias de Agrelo- Portomaior, onde se están acometendo tarefas de limpeza do vial e da fronte do do areal. Precisamente, o Concello é consciente de que a cidadanía necesita dispoñer de espazos ao aire libre, de aí que se comezase co plan deste ano polos itinerarios saudables e de lecer. Xa unha vez que se remate na praia de Agrelo- Portomaior, continuarase coa limpeza ata a zona do parque infantil e da pista de tenis do Xistro, un espazo tamén moi utilizado polas familias.

Juncal adianta que o plan tamén inclúe a limpeza das áreas recreativas, e da Senda do Litoral e da Ruta dos Muíños, dous dos percorridos con máis acollida e nos que este ano “fomos capaces de adiantar o plan de acondicionamento e posta a punto”, conscientes da chegada da primavera e, polo tanto, do bo tempo que reactiva as camiñadas.

Así mesmo, o Concello ten programada a limpeza con máquina das praias urbanas, concretamente da Banda do Río e de Pescadoira. E xa de forma máis concreta, na praia de Area de Bon acometerase a reparación do tramo de paseo que se desprendeu onde a canle que desemboca no areal.

Complementarias ás actuacións de limpeza, o Concello encargará a reparación e reposición de diverso mobiliario e equipamento urbano, como bancos, papeleiras, sinaléctica, etc.