Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación das obras de rehabilitación e semaforización da rúa Johan Carballeira

  • Con esta actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos 2021, mellorarase o mobilidade urbana e o acceso de vehículos nun punto de moito tránsito
  • As empresas poderán presentar as ofertas económicas antes do 11 de abril á medianoite

O Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas para as obras de rehabilitación do firme da rúa Johan Carballeira e semaforización da intersección da PO-315. Segundo consta no anuncio que se publicou este martes na Plataforma de Licitación do Sector Público, o orzamento total é de 115.247,38 €, IVE engadido, e o prazo péchase o 11 de abril á medianoite.

Esta actuación, que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, pretende regular a intersección en cruz da PO-315 coa rúa Johan Carballeira mediante a instalación de semáforos, e rehabilitar e mellorar o firme da propia rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo. Este vial foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos debido ao gran fluxo de vehículos que soporta, ao coincidir o tránsito cara a urbanización das Lagoas ou cara equipamentos municipais como a piscina, así como ser a principal conexión coa céntrica rúa Pazos Fontenla. Esta situación agrávase durante o verán, pois moitísimas persoas acceden a través dese vial a praias e outros espazos turísticos, polo que con esta rede semafórica o que se pretende é ordenar os fluxos de vehículos e eliminar os embotellamentos.

Unha vez que se adxudiquen estas obras, o prazo de execución do proxecto é dun mes e medio, e toda a información pode consultarse na Plataforma de Licitación do Sector Público, con acceso dende a web municipal.