O Concello de Bueu simplifica os trámites da cidadanía co departamento de urbanismo
- A Xunta de Goberno, celebrada este luns, aprobou once modelos de solicitudes que facilitarán a relación coa administración para diversas cuestións
O Concello de Bueu continúa coa mellora na administración e a relación coa cidadanía, a través dun proceso de renovación continua de servizos. A Xunta de Goberno Local, que se celebrou este luns, deu luz verde á aprobación de once formularios que aforrarán prazos e facilitarán a forma de dirixirse da cidadanía ao departamento de urbanismo, tal e como destaca Martín Villanueva, concelleiro da área.
Estes modelos estarán dispoñibles na web municipal e no Rexistro Xeral, e incluirán solicitudes e declaracións normalizadas, nas que se fará constar para cada trámite a documentación a achegar e as cuestións legais concretas. Os modelos novos son para a comunicación previa de obras, a colocación de terrazas ao aire libre, a solicitude de segregación ou parcelación, a licenza de primeira ocupación, a licenza de obras, a ocupación de dominio público municipal, a apertura de establecementos e actividades recreativas, o cambio de titularidade, a comunicación de inicio de actividade, e a achega de documentación complementaria.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, edil da área de urbanismo, afirman que isto supón “un paso máis na recuperación da normalidade no departamento de urbanismo”, un bo estado de saúde que se reflicte nas Xuntas de Gobernos, nas que ultimamente se teñen aprobado moitas licenzas de todo tipo. “Confirmamos que despois dun período moi duro e complexo, no que houbo que traballar de forma intensa para desbloquear a situación, por fin recuperamos o ritmo de tramitación”, salientan. Así, dende o goberno agardan continuar a mellora e piden desculpas á cidadanía “por uns anos pasados nos que tivemos moitas dificultades que afectaron ao departamento e ao ritmo de tramitación”.
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou outros dous asuntos de interese, como son o expediente de contratación da obra de rehabilitación da rúa Johan Carballeira e da semaforización da intersección da PO – 351, da que se abriu o prazo de presentación de ofertas tras a publicación do anuncio na Plataforma de Licitación do Sector Público; e tamén saíu adiante a proposta de aprobación das bases e convocatoria das probas de capacitación para a obtención do permiso municipal de condución de taxis do municipio de Bueu correspondente ao ano 2022.