Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de inscrición para os obradoiros de memoria

  • As persoas interesadas deberán entregar a solicitude entre o 15 e o 31 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello

O Concello de Bueu continúa este ano cos obradoiros de memoria para maiores, un proxecto que se insire no marco do fomento de políticas sociais activas. Dende o Departamento de Benestar Social anuncian que o prazo de inscrición estará aberto do 15 ao 31 de xaneiro, e as persoas interesadas deberán entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello.

Nesta edición están programados catro grupos, que se dividirán entre o Centro Social do Mar de Bueu e a Casa do Pobo de Beluso. A iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.

Os talleres son levados a cabo polos Centros de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores. As persoas participantes realizarán tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración.