Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Meiro celebra o XXVI Encontro – Degustación do millo corvo do 10 ao 12 de abril

  • A contorna da Casa da Aldea de Meiro acollerá degustacións, charlas divulgativas e actuacións musicais, ademais da Ecotaberna
  • Este evento, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia, busca dar a coñecer un dos produtos con máis idiosincrasia: as espigas de cor negra

O lugar bueués de Meiro acollerá do 10 ao 12 de abril o XXVI Encontro- Degustación do Millo Corvo, que propoñerá diversas actividades de posta en valor deste apreciado produto. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, o Encontro, que está organizado pola Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu, celebrarase na contorna da Casa da Aldea de Meiro.

Con motivo da presentación do programa, este mércores tivo lugar a rolda de prensa na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e integrantes da Asociación Cultural de Meiro. Precisamente, o alcalde destacou que “a festa volve á aldea, que é o lugar natural no que naceu, despois da experiencia do ano pasado no centro de Bueu”, e tamén fixo fincapé en que “a festa é un proxecto etnográfico que pon en valor os produtos saudables da terra e potencia o seu consumo”. Pola súa banda, Victoria Martínez, presidenta do colectivo, tamén salientou que “o espazo desta festa é a aldea, posto que o millo corvo cultívase nas leiras, gárdase nos hórreos e móese nos Muíños do Canudo”.

O encontro arrancará o venres 10 de abril pola mañá cunhas xornadas educativas no IES Johan Carballeira, nas que haberá propostas coma unha tertulia sobre a África Susahariana e Bueu e un obradoiro de bebidas africanas, como Bissap e Bouye, da man da ONG ACCEM que conta con arraigo na vila bueuesa. Xa pola tarde, ás 18 horas nos Muíños do Canudo terá lugar unha muiñada, na que se pode ver como se moía tradicionalmente ademais de gozar dunha contorna privilexiada e dunha foliada.

O sábado ás 11.30 horas abrirá a Ecotaberna, na que se poderán degustar pratos elaborados con millo corvo durante todo o día, e tamén o domingo no mesmo horario. Ás 12 horas arrancará a programación cunha cata de cervexa de edición limitada de Millo Corvo, seguido cunha charla de Juan C. Gavinia R. (alias Juan Mahçiz) que falará sobre a transformación do gran de Millo Corvo en superalimento e dará un taller sobre nixtamalización, masa e arepas. A mañá rematará ás 14 horas coa actuación do grupo tradicional Sachodixen.

Pola tarde, ás 17 horas desenvolverase a charla – coloquio “Comunidades enerxéticas na práctica. Leccións aprendidas en Galicia” coa participación da Comunidade Enerxética de Tameiga, a Comunidade Enerxética Romando de Cangas e Moaña- Solar. Ás 17.30 horas haberá un obradoiro de candeas con “O mel da Inés” e despois outro taller infantil coa veciña Bego Ríos. A xornada culminará coa actuación musical de Meninos do Pandeiro.

O domingo ás 10.30 horas farase unha ruta guiada con Salvador Castro polos Muíños do Canudo con moenda. Ás 12 horas, a Asociaçcao Desportiva e Cultural Montariense- Montaria elaborará e ofrecerá unha degustación do coñecido como “caldo de graunlhos, rojoes e pataniscas de bacalhau”. Ás 12.45 horas, Xavier Castro presentará o libro Los grandes vinos de Galicia. Originalidad e historia, coa presenza de Mari Luz Nogueira Calvar, do Ateneo de Cangas. A mañá culminará coa actuación do grupo tradicional As Searas de Lugo.

Pola tarde desenvolverase un obradoiro infantil con Moni’s Gnomos ás 17 horas seguido do contacontos “O algodón de Don Pirimpón” con José Calvar e Jacinto García Duarte, xogos tradicionais en familia coa Asociación Amodiño e a actuación do grupo de pandeiretas Tres pés pa’ un banco.

Durante o sábado e o domingo día haberá no recinto postos de venda e degustación con diversos produtos, como Cervexa de Millo Corvo edición limitada, viño Tinta Femia de Cela, Adega Lareu. Sabatelius da Ribeira Sacra, mel “O mel da Inés”, posto de Sao Lourenço da Montana, de Serra D’Arga (só o domingo), aceite Agrisainz, posto de artesanía de Bego Ríos, posto de artesanía de Moni’s Gnomos, posto da Asociación de Amodiño, taller de nixtamalización de Millo Corvo (só sábado) e proxección do vídeo “O rexurdir do Millo Corvo. Testemuña dunha tradición”.