Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle este domingo a V Regata de Traiñeiras ‘Pepe O Ruso’ con récord de participación

  • A proba tomará saída do peirao ás 11.30 h e nela participarán trinta e cinco traiñeiras

Tras o éxito das primeiras edicións, o Club do Mar de Bueu, coa colaboración do Concello de Bueu, organiza este domingo, 12 de xaneiro, o V Memorial Pepe o Ruso, unha regata a contrarreloxo na que participarán un total de trinta e cinco traiñeiras, o que supón un récord de participación nesta proba que se afianza xa no calendario anual. Así o apuntaron os membros da directiva do club, Manuel Méndez e Javier Pazos, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estivo presente o concelleiro de deportes, Ricardo Verde.

A saída desta regata terá lugar ás 11.30 horas desde o peirao, continuando logo ata Agrelo, Banda do Río, A Roiba, Cabalo e regreso ao porto, nun percorrido de 5.500 quilómetros moi vistoso tanto para os e as participantes como para as persoas que queiran ver as traiñeiras desde a terra.

Aínda que non se trata dunha proba de carácter competitivo, entregarase unha bandeira ao gañador da proba na categoría sénior masculina, así como tamén á tripulación feminina que realice o percorrido en menos tempo.

O evento xurdiu no ano 2016 como unha homenaxe a José Novas Gutiérrez, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe O Ruso”, unha persoa que traballou durante moitos anos e dunha forma totalmente desinteresada polo fomento do deporte do remo na vila bueuesa.

Cartel V Memorial Pepe O Ruso

Clubes participantes

Nesta regata de pre tempada está confirmada a participación dos seguintes clubes: Altea Fem, Puebla Fem, Rianxo Fem, Samertolameu Fem, Riveira Fem, Tirán Fem, Cabo Fem, Mugardos Mix, Esteirana Mix, Amegrove Mix, Muros Mix, Bueu Mix, Rianxo Vet, Ares Vet, Tirán Vet, Chapela Vet, Chapela B, Cesantes B, Vilaxoán B, Meira B, Tirán B, Cabo B, Virxen da Guía, Mugardos, Chapela A, Cesantes A, Esteirana, Muros, Bueu, Vilaxoán A, Meira A, Mecos, Tirán A, Ares e Cabo A. Tal e como vén sendo habitual, a orde de saída establécese en función da clasificación dos clubes na LIGA GALEGA e na ACT.