Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pecha a fase de consulta pública sobre a renovación da Biblioteca Torrente Ballester

  • Entre as suxestións máis comúns está a de ampliar o horario de apertura e estendelo ás fins de semana

O Concello de Bueu dá por finalizado o período de consulta pública entre a cidadanía para a renovación da Biblioteca Torrente Ballester, cun total de trece achegas por parte de veciños e veciñas que, maioritariamente, demandan unha mellora nos servizos e a ampliación do horario de apertura. Esta consulta, que estivo aberta desde o mes de outubro do pasado ano a través da sección web “A túa opinión conta”, pretendía recoller ideas e suxestións da cidadanía de cara á elaboración dun proxecto de renovación integral desta biblioteca, situada no Parque Ramal dos Galos e que se converteu nos últimos anos en todo un referente para as persoas que necesitan e demandan espazos de lectura e de estudo.

Desde o goberno local valoran positivamente a iniciativa, dado que supón un mecanismo para incrementar a participación das persoas na vida pública, polo que non se descarta volver empregala no futuro. Agora, desde o Concello vaise comezar co proxecto, no que se terán en conta as achegas cidadás, que tamén servirán para mellorar o propio funcionamento dos servizos bibliotecarios municipais.

Este proxecto formará parte, xunto a outros, dun catálogo que o persoal técnico comezará a programar nestes meses. Para iso contarase co reforzo dun arquitecto/a ou delineante que serán contratados proximamente no marco do Plan Concellos 2020.