Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O cim Bueu nun programa de nenos e nenas que sufriran violencia de xenero

O Concello de Bueu participará este ano nun programa de atención a fillos/as de vítimas de violencia de xénero, co que se busca lograr unha atención máis activa para os menores que sufriran esta situación. Esta tarefa levarase a cabo no Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Bueu, cuxa sede se atopa na rúa Eduardo Vincenti nº28.

Precisamente a directora do CIM, Montserrat González, mantivo esta mañá unha reunión cos responsables da Fundación Meniños, Fernando De la Cueva e Xema Cabana, que son os que van desenvolver a actuación. Este programa forma parte dun Acordo de Colaboración asinado entre a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG).

En concreto, trátase dun Programa de Asesoramento e Terapia familiar con nenos e nenas que sufriran de maneira directa a violencia de xénero, avaliando as feridas emocionais e as posibles consecuencias que poden traducirse en dificultades de aprendizaxe, socialización ou mesmo de alta tolerancia ás situacións de violencia. As sesións realizaranse con periodicidade semanal a partir de mediados de xaneiro, e nelas participarán un total de sete menores durante un ano.
A Fundación Meniños traballa dende o ano 1996 con programas de protección da infancia e da adolescencia, moi en relación con garantir o seu dereito a vivir en familia.

As liñas de intervención propostas están baseadas no documento “Impacto da violencia de xénero sobre nenos, nenas e adolescentes: guía de intervención”. Nel infórmase da necesidade de visibilizar a infancia nestas situación, recoñecer a súa condición de vítimas de violencia de xénero e adoptar as medidas necesarias para a súa recuperación e benestar.

Máis información: https://www.meninos.org/