Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Aberto o prazo de licitación para a rehabilitación da casa do concello

A Casa do Concello de Bueu será rehabilitada ao abeiro dunha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, cun importe de 47.721,59 €, IVE incluido. A necesidade de acometer esta obra vén determinada polo mal estado no que se atopan algunhas das dependencias do edificio, que data do ano 1906. O prazo de presentación das ofertas é de oito días, a contar dende este luns, cando foi publicado o anuncio na Plataforma de Contratación do Estado, rematando polo tanto o 19 de decembro.

A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, vai consistir no reforzamento da estrutura, pintado dalgúns paramentos, renovación do cableado e rede de datos, barnizado do chan de madeira, reparación de portas de paso interior, redistribución do espazo interior, ademais de instalación de ventilación nos aseos da planta baixa e segunda. Así se especifica no proxecto técnico elaborado polo arquitecto municipal, Fernando Baeza, despois da análise de patoloxías realizada a finais do pasado ano pola empresa Bureau Veritas.
Esta obra ten carácter de urxencia, dado que a estrutura na que se asentan as dependencias municipais non é totalmente segura, tal e como se puxo de manifesto coa análise realizada. O edificio data de 1906 e foi reformado no 2002, cando se creou o segundo andar, onde nestes momentos se atopa a alcaldía, a Axencia de Desenvolvemento Local, e os despachos dos técnicos de urbanismo.

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación deberán entregar dous sobres. O sobre A conterá a documentación administrativa (declaración responsable, documento de indicación dos datos a efectos de notificacións electrónicas, documento de atoparse ao corrente dos deberes tributarios e de Seguridade Social), e o sobre B fai referencia á oferta económica