Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu lembra a súa infancia no CEIP A Pedra

  • Félix Juncal foi entrevistado este xoves polo alumnado de 3º de primaria do colexio bueués

Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este xoves nunha entrevista realizada polo alumnado de 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra para a radio escolar. O rexedor lembrou e compartiu os recordos deses anos no centro, nunha experiencia que el define como “osixenadora e que me permite manter o contacto cos nenos e nenas do presente”.

Esta actividade forma parte dun proxecto da aula no que os nenos e nenas traballan arredor do coñecemento da vila de Bueu, e que tamén coincide coa celebración do cincuenta aniversario da fundación do colexio. O alcalde asistiu hoxe a esta rolda de conversas, logo de que a pasada fosen entrevistados Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, e Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo.

As entrevistas enmárcanse nunha iniciativa do centro de investigación sobre a vila de Bueu, e o alumnado tivo a ocasión de visitar a comezos de mes as dependencias municipais para coñecer o funcionamento dos órganos de goberno e servizos administrativos, e tamén trasladaron as súas peticións e suxestións.

Ao remate, os nenos e nenas agasallaron ao alcalde cunha cunca na que inseriron a imaxe de Papirus, a mascota da biblioteca.