Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As obras da segunda fase do Estaleiro da Banda do Río avanzan a bo ritmo

  • Construcciones e Ingeniería Messi é a adxudicataria do contrato que leva a cabo os traballos de urbanización exterior e musealización
  • Responsables municipais visitaron este mércores a obra, na que o persoal acomete a recuperación do foso da serra da cinta e decide os contidos que formarán parte da musealización

As obras da segunda fase de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río, que comezaron hai dúas semanas, avanzan a bo ritmo. Xosé Leal, concelleiro de cultura, Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico e director das obras, realizaron este mércores unha visita á actuación, cuxos traballos son acometidos pola empresa Construcciones e Ingeniería Messi, cun orzamento de máis de 102.000 € que se financian no marco do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Os traballos inclúen a urbanización exterior do Estaleiro de Purro, como é popularmente coñecido, e tamén se trasladaron xa as embarcacións, máquinas, pezas e ferramentas que estaban custodiadas no Museo Massó. Coa revisión continuada dun restaurador, estase a recuperar o foso da serra da cinta, tal e como se comprometera o goberno local coa Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos nas diversas reunións mantidas no último ano. Así mesmo, no marco deste control exhaustivo do proceso de musealización, tamén se están valorando coa empresa os recursos que formarán parte da exposición ao público e os contidos audiovisuais.

Estes traballos de musealización complementarán a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación “de alto valor patrimonial”, segundo salienta Félix Juncal, alcalde da vila morracense. Por iso, a parte máis importante é a referida á interpretación dos contidos desta antiga carpintería de ribeira, que agarda estar plenamente rehabilitada antes do inicio da tempada estival.

O Estaleiro da Banda do Río atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e formáronse moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións.

O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico previsto e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.
Ademais a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural, a través do impulso de actividades de índole cultural e turística. Actualmente atópase en fase de rehabilitación.

Este proxecto compleméntase con outros como a rexeneración da contorna de Ermelo forman parte ou a inminente construción da Sala Arqueolóxica de Pescadoira, un proxecto este que se levará a cabo mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello. Todos eles poñen de manifesto o apoio do goberno local cara ao patrimonio histórico, natural e cultural da vila.