Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle o próximo sábado a XII Bandeira de Bateis

  • A proba tomará saída do peirao bueués ás 16.00 h e nela agárdase a participación dun cento de embarcacións
  • O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Banda do Río

O Club do Mar de Bueu – Teccarsa, coa colaboración do Concello de Bueu, organiza este sábado, 26 de marzo, a XII Bandeira de Bateis, unha regata na que se agarda a participación dun cento de embarcacións. Así o apuntou Javier Pazos, membro da directiva do club, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu e Ricardo Verde, concelleiro de deportes.

Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Banda do Río.

Nas probas tomarán a saída primeiramente as traiñeiras de Alevín feminina, Infantil feminina, Cadete Feminina, Xuvenil feminina e Absoluta feminina; e seguidamente as de Alevín masculino, Infantil masculino, Cadete masculino, Xuvenil masculino e Senior masculino. A organización agarda a participación dun cento de embarcacións da Zona Territorial Sur, como o CM Bueu, CR Chapela, Amegrove CR, CR Mecos, SD Samertolameu, CCD Cesantes, SD Tirán, CR Virxe da Guía, CR Coruxo, CR Vila de Cangas, Robaleira e Arealonga

Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas.