Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu despide a dúas médicas residentes do Centro de Saúde

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou esta mañá o Centro de Saúde da vila para despedir a dúas médicas residentes que realizaron a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria ao longo dos últimos catro anos e que rematan este mes. Juncal mostrou a súa satisfacción por contar cun centro de saúde que acolle a persoas que deciden especializarse nesta materia e máis cando se trata dun “traballo tan vocacional e de longo percorrido”.  Durante o acto, o rexedor fíxolles entrega a Ángela Mayo e a Joanna Acuña dun pequeno agasallo institucional, composto por un libro coa historia da vila e unha bandeira, “para que sempre levedes a Bueu no corazón”, destacou.

O Centro de Saúde de Bueu conta con formación de Medicina Familiar desde antes do ano 2000, unha iniciativa que se vai consolidando cada vez máis, e na que agora participan doce residentes. É preciso ter en conta que durante eses catro anos de estadía, os e as residentes pasan por diversas fases de responsabilidade progresiva. Así dende o primeiro ano, que se dedican a estar en consulta acompañando a outro profesional, ata a cobertura de gardas tanto no Hospital de Montecelo como nos diversos Puntos de Atención Primaria, para volver de novo á consulta, onde xa rematan atendendo en solitario a pacientes.