Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu prepárase para un verán co balonmán como protagonista

  • Entre os meses de xuño e xullo celebraranse campionatos de balonmán e balonmán praia en diversas instalacións municipais nas que se agardan unha gran afluencia de equipos galegos

O Concello de Bueu, a Federación Galega de Balonmán e o Bueu Atlético Balonmán poñen en marcha este verán o proxecto “Bueu, cidade do balonmán”, que incluirá diversos eventos nas próximas fins de semanas que traerán á vila moitos clubs de toda a comunidade galega. Así o salientaron hoxe na rolda de prensa o alcalde da vila, Félix Juncal, o concelleiro de deportes, Manolo Otero, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro.

As actividades, nas que o Concello realizar unha achega económica de 8000 €, alternarán o balonmán co balonmán praia e terán lugar en diversos espazos municipais, como son o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o Pavillón Municipal de Beluso e praia da Banda do Río. As probas arrancan xa esta fin de semana (2 e 3 de xuño), cando se celebrará a Fase Final da Copa de División de Honor Xuvenil Masculina e Infantil Masculina.

Na fin de semana do 9 e 10 de xuño será a quenda da Copa Final de Cadete Masculino, e o 16 a do Campionato Galego de Seleccións Provinciais Infantil e Alevín, tanto en masculino como feminino (esta última alternarase nos dous pavillóns dado a gran afluencia de equipos que se agarda).

O broche de ouro será o 24 e 25 de xullo na praia da Banda do Río coas finais do Campionato Galego de Balonmán Praia, de entre as que sairán as persoas clasificadas para o campionato estatal. Precisamente, a vila morracense é todo un referente no balonmán praia, xa que nos dous anos anteriores acolleu un dos campionatos estatais do Arena 1000. Con todo, e tal e como destacou o alcalde, “este ano o Concello tivo que renunciar a este proxecto dado que o orzamento se incrementaba e quedaba lonxe da nosa capacidade, aínda que decidimos pensar esta outra alternativa que impulsa e recoñece o balonmán de base”. Dadas as expectativas que existen no sector porque Bueu volva acoller este campionato, tanto o Concello como a Federación Galega deixan claro que se están buscando alternativas para poder afrontalo de novo en vindeiros anos.