Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu apoia aos mariñeiros na loita contra a modificación do Regulamento da UE sobre a frota artesanal

Os mariñeiros de Bueu concentráronse este venres, 14 de maio, nas inmediacións da lonxa para protestar contra a modificación do Regulamento de Control Europeo da UE con respecto á frota artesanal. Félix Juncal, alcalde de Bueu, e outros membros da corporación local apoiaron esta manifestación que tivo lugar ás 12.00 h e na que os barcos lanzaron proclamas en forma de pancartas dende o mar, con mensaxes como “Políticos canto corredes para o voto dos pescadores e agora tratádesnos coma atracadores” ou “Non á modificación do regulamento de control. Somos pescadores, non atracadores”.

Estas concentración ten como obxectivo protestar contra a modificación do Regulamento 1224/2009 que establece normas que causarán graves prexuízos para os intereses da frota de pesca artesanal galega. Dende o sector demandan a exclusión para a frota artesanal da obrigatoriedade de instalación de cámaras ou a instalación de cámaras compensadas con mais cota, a xeolocalización obrigatoria para aqueles buques que traballan agrupados e a pouca distancia da costa, e a obrigatoriedade de remitir datos de capturas diarios dende a propia embarcación. Así mesmo, reivindican que se elabore unha definición europea clara e real do concepto de pesca artesanal, así coma un tratamento distinto e diferenciado con respecto ás frotas industrial e semiindustrial.

Precisamente, a corporación levará ao pleno do mes de xuño unha proposta conxunta a petición da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu co obxecto de demandar a eliminación das modificacións do Regulamento de Control Europeo da UE 1224/2009 con respecto á frota artesanal.

Na manifestación de hoxe estiveron presentes tamén Xosé Leal, concelleiro de cultura, ensino e medio ambiente, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, Ana Isabel Otero, de igualdade e benestar social, Agustín Gallego, de mocidade e normalización lingüística, e Elena Estévez, voceira do PP.

O alcalde e concelleiros/as do goberno