Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu entra no nivel medio de restricións a partir deste venres e o alcalde apela á ‘responsabilidade’

  • Félix Juncal salienta que “debémonos comprometer e velar pola saúde propia e a das demais persoas”

O Concello de Bueu entra no nivel medio de restricións a partir deste venres, 14 de maio, á medianoite. Tras o aumento de casos activos de Covid-19 na vila morracense, que este mércores é de 18, o comité clínico decidiu incrementar as restricións, co fin de conter os contaxios. Ante iso, Félix Juncal, alcalde de Bueu, apela á responsabilidade cidadá para que se actúe con cautela e se respecten as medidas de seguridade e hixiene e todas as disposicións establecidas polas autoridades sanitarias. “Debémonos comprometer e velar pola saúde propia e a das demais persoas”, apunta o rexedor, quen recoñece “o comportamento exemplar da ampla maioría da veciñanza de Bueu, que ao longo destes meses difíciles cumpriu con todos os protocolos, o que nos permitiu manter unha situación de certa estabilidade, interrompida en momentos puntuais nos que se incrementou de forma preocupante o número de contaxios”. Juncal manifesta o “meu apoio total ás autoridades sanitarias, pois estou convencido de que todas as decisións que se adoptan sempre son en defensa da saúde das persoas”. Así e todo, “a ninguén nos gusta que se tomen medidas que poidan supoñer unha alteración das condicións normais nas que se desenvolven as actividades económicas, pois delas dependen as persoas e familias, pero por responsabilidade social debemos apoialas”.

O nivel de restrición medio implica que a hostalaría pode atender na terraza cun aforo do 50% e un máximo de seis persoas por mesa, e no interior, un 30% e catro persoas por mesa; o peche para consumo será ás 23.00 horas, e o restaurante e servizos de recoller ata as 01.00 h. A actividade deportiva será ao aire libre sen contacto físico e con máscara, e en grupos dun máximo de 6 persoas con monitor, mentres en centros pechados é de grupos de catro persoas, sen contar o monitor.

En canto ás reunións grupais, estas serán dun máximo de catro persoas en espazos pechados, e de seis en espazos abertos; e entre as 01.00 e 06.00 h só se permiten as xuntanzas de convivintes.

Toda a información pódese consultar en www.coronavirus.sergas.gal.