Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu entrega os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

  • Marta Veiga e Xandra Táboas participaron neste acto que tivo lugar no Centro Social do Mar e no que se reivindicou a lingua galega e o dereito a empregala en todos os ámbitos

O Concello de Bueu acolleu este domingo, 16 de maio, o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, que se celebrou no Centro Social do Mar no marco das Xornadas polas Letras Galegas. Marta Veiga recolleu o premio na categoría de xornalismo pola reportaxe ‘Cantigas para despois dunha pandemia’ (publicada na revista Luzes), e Xandra Táboas e Adrián Mosquera foron galardoados en poesía por “Dou aulas de ioga por videoconferencia’.

Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, iniciou o acto destacando o compromiso do Concello de Bueu na promoción duns premios que “reivindican a figura de Carballeira e dignifican a todas as persoas represariadas polo franquismo, ao tempo que seguen puxando pola lingua galega”.

A continuación interveu Marta Veiga, quen salientou a importancia dun premio de xornalismo que aposta polo xénero da reportaxe “sobre todo no momento actual no que pululan moitos opinadores polos platós de televisión”. Veiga agradeceu a todas as persoas que lle axudaron a construír unha reportaxe que ofrece outras olladas sobre a pandemia e que pon de manifesto as eivas dun sistema que xa estaban latentes e que agromaron nestes meses. Neste sentido, a xornalista lucense non se esqueceu dos compañeiros e compañeiras de profesión, e reivindicou “a necesidade que temos de que se dignifique, pois o xornalismo é máis necesario ca nunca”.

Xandra Táboas lembrouse de Adrián Mosquera (quen non puido asistir ao acto) a través dun discurso ateigado de reivindicación pola lingua e polo “dereito a ser dos pobos”. Táboas puxo de manifesto a dor que lle produce que “aínda a día de hoxe, corenta anos despois do fin da ditadura, a lingua galega segue a ser un adorno, un museo, a empregarse de forma preciosista, e creo que como pobo necesitamos que nos deixen ser”.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, manifestou a súa ledicia “ao escoitar a dúas mulleres que dende as letras reivindican causas nobres e xustas, e demóstrannos que dende o local se chega ao global”. As premiadas foron agasalladas cunha réplica artística da figura de Johán Carballeira elaborada para a ocasión por Cavalinho do demo. O acto culminou cun concerto a Xela Arias do grupo Xardín Desordenado, no que alternaron temas de poetas galegas actuais coma Olga Novo con outros adicados a María Victoria Moreno ou Luísa Castro.

A historia dos premios

Os Premios Johán Carballeira naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas en abril do 1937 por defender a liberdade e os dereitos das persoas traballadoras. No 1996 bota a andar o certame coa categoría de poesía e no 2002 incorpórase a de xornalismo, ofrecendo a oportunidade de que a súa figura se siga coñecendo.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, entre outras; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde …