Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Marta Veiga Izaguirre proclámase gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo

A xornalista Marta Veiga Izaguirre resultou gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘Cantigas para despois dunha pandemia’, publicada na Revista Luzes en xuño de 2020. O xurado reuniuse este domingo, 18 de abril, ao mediodía e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, David Lombao, xornalista de Praza Pública, e Nieves Neira, gañadora do certame na pasada edición e tamén xornalista en El Progreso. Na acta, o xurado salienta “que a reportaxe ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”. Este traballo destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade. Así mesmo, a reportaxe achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras. O xurado quixo destacar tamén a calidade dos traballos presentados na presente edición.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público a comezos do mes de maio.

Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, amais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey …