Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu substitúe as luminarias da Praza Alonso

O Concello de Bueu contratou á empresa local Carma Bueu SL para levar a cabo os traballos de substitución das luminarias da coñecida como Praza Alonso, na zona de Pescadoira. Cun orzamento de arredor de 6.000 euros, a actuación consiste no cambio de dez luminarias por outras de tipo LED e no pintado das columnas.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “estas luminarias estaban desconectadas do alumeado público da rúa Montero Ríos dende hai anos debido a que xeraban problemas”. Estes días, o persoal que leva a cabo os traballos detectou que na conexión do alumeado público había un cable desprotexido, polo que agora se fixeron cortes nas beirarrúas para meter as proteccións necesarias de forma correcta e dar servizo a esta zona de moito tránsito peonil.

O rexedor salienta que, ao igual que se fixo na maioría de zonas do municipio, as luminarias tipo LED permitirán reducir o consumo de enerxía eléctrica e seguir implementando políticas respectuosas co medio ambiente.