Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programa de rutas «Coñece Bueu»

Evento xa rematado

O Concello de Bueu organiza o programa “Coñece Bueu”, no que se programarán unha serie de rutas patrimoniais e de posta en valor da historia mariñeira. Este programa conta co financiamento do GALP Ría de Pontevedra no marco do proxecto «Ardora» de posta en valor do litoral.

O programa comezará o próximo 12 de xullo, e iranse alternando diversas rutas temáticas, que se desenvolverán todos os venres ata a primeira quincena de setembro a partir das 10 horas. A primeira delas leva por título “Bueu sabor e mar”, e continúa as xa comezadas no verán do 2021 e que contaron nestes anos cunha gran acollida por parte das persoas participantes. Nela faise un percorrido pola contorna urbana e polos espazos que constrúen o pasado e o presente da pesca en Bueu, rematando coa degustación dun petisco na Praza de Abastos elaborado por unha cociñeira local con produtos mariñeiros da mesma praza.

A seguinte das rutas é “O mar: fonte de alimento e de traballo”, e irá dende a zona de Pescadoira ata o Centro de Interpretación do Litoral en Agrelo. E a última, “Carpintería de ribeira: o patrimonio cultural” buscará contar a historia do Estaleiro de Purro.

Para participar en todas estas rutas precísase inscrición previa na Oficina de Turismo de Bueu, no enderezo electrónico turismo@concellodebueu.gal, ou no teléfono 986390029 (ext.5). As prazas están limitadas a un máximo de 15 persoas por cada día, e serán de balde.