Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Encontro – Degustación Millo Corvo 2024

Evento xa rematado

  • O recinto de A Morada acollerá durante esa fin de semana a tradicional muiñada, degustacións, charlas divulgativas e actuacións musicais, ademais da Ecotaberna
  • Este evento, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia, busca dar a coñecer un dos produtos con máis idiosincrasia: as espigas de cor negra

O lugar de Meiro, no municipio de Bueu, celebra do 5 ao 7 de abril unha das súas actividades estrela: o XXIV Encontro- Degustación do Millo Corvo, organizado pola Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu. Este evento, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, encherá a aldea bueuesa de degustacións, charlas divulgativas, obradoiros e actuacións musicais, co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico e con tanta tradición na zona, e cun programa para todas as idades.

Dende a organización salientan a recuperación das xornadas educativas, e por iso está prevista unha ruta dende o IES Johan Carballeira ata os muíños o venres 5 de abril ás 10.30 horas, nas que tamén poderán participar outras persoas que o desexen. Ese evento servirá de inicio á tradicional Muiñada, que se celebrará ás 18 horas nos Muíños do Canudo, tamén co alumnado do centro bueués. Pola noite, a partir das 20 horas, desenvolverase unha foliada aberta na que se convida a participar a todos os grupos e asociacións que o desexen, nun evento que combinará a música folk con outras propostas, e na que tamén se poderán degustar filloas de millo corvo con chourizo ao viño e queimada. Xa o sábado, ás 11.30 horas, como vén sendo habitual, abrirase a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica. Esa mañá ás 12 horas, a mestra cervexeira Marta Galán presentará a edición limitada da cervexa con Millo Corvo. Ás 13.30 horas, actuará o grupo tradicional Pandereteir@s do Arco de Vila Nova (Hío).

Pola tarde, Laura Maletta de In Fermento, impartirá un obradoiro de queixos veganos; e a continuación terá lugar outro de monicreques con material reciclado de Lili Hilando Sueños. Xa ás 18 horas, a Plataforma de Eólicos no Morrazo falará sobre o presente e o futuro dos montes; ás 19 horas, terá lugar un obradoiro sobre a elaboración de xabóns con aceite usado, e ás 20 horas, un de iniciación ao handpan con Rafael Tubío. O día rematará ás 21 horas coa actuación de The Tetas Van, un grupo de mulleres que naceu no 2011 para rachar cos estereotipos de xénero, reivindicando tamén a lingua galega e con letras ateigadas de moito humor, que fará unha gran festa para as persoas máis novas.

O domingo continuará a festa xa dende a mañá, ás 11 horas, cunha andaina polos Muíños do Canudo coa Asociación Amodiño. A continuación presentarase o libro Cociñeiras con Talento, de Xavier Castro, no que se contará con Carlota Román García, licenciada en filoloxía e primeira muller presidenta do Ateneo de Pontevedra. Xusto despois actuará PÄRBO-Riobó & Pintos Duet, do que forma parte Anxo Pintos, profesor de música, director de SonDeSeu e compositor. Precisamente, o grupo vén cunha novidade que estrearán en Meiro: unha peza que mestura sons etnográficos e música tradicional.

Pola tarde, ás 16 horas desenvolverase un obradoiro de xabón cosmético con Carmen Barreiro, seguido dunha charla do médico Juan José Núñez sobre nutrición fisiolóxica e consciente. Ás 18 horas, Brais das Hortas deleitará ao público familiar co espectáculo “Consertasso na horta”, unha proposta de música e humor que ten a horta como protagonista. A continuación haberá un encontro aberto con Aroprodutor@s do Morrazo, e rematará a xornada ás 19.30 horas coa actuación musical de Ailá, unha proposta inspirada na música de transmisión oral e con moito baile ‘tradi’, e que recibiron o pasado ano o Premio Martín Códax da Música na categoría de “música tradicional”.

E para o público familiar, os dous días poderase aprender con diversos obradoiros demostrativos, entre os que destacan o posto de artesanía con madeira da Asociación Juan XXIII de Cangas, os xogos tradicionais con Amodiña, o posto artesán de madeira con Agustín Bastón, e o obradoiro infantil “A madeira e as súas linguaxes”. Ademais, haberá postos informativos de Mujeres en igualdad do Morrazo, Adega de Ardán, Tinta Femia de Cela ou o de recollida selectiva do Concello de Bueu.