Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Continúan os traballos de limpeza e acondicionamento dos viais e espazos públicos municipais

O Concello de Bueu continúa nestas semanas co plan de limpeza dos viais e espazos públicos das tres parroquias da vila, que se levan a cabo por parte da brigada de obras e servizos municipal, amais doutros servizos de empresas e, incluso, da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, esta última que conta coa subvención da Deputación de Pontevedra.

Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “esta semana avanzamos polo lugar de Sar, e o acceso á praia de Tuia, e tamén por Bon”. O rexedor salienta que a limpeza se realiza coa combinación de dúas fórmulas: primeiro co tractor, nas zonas nas que é posible, e a continuación, con maquinaria de man, que permite reforzar o resultado.

Outro dos focos de traballo sitúase entre a zona da Rosa, o Camiño da Sobreiro ou o Camiño de Sobalo, amais de continuar pola Rúa Nova de Abaixo e Rúa Nova de Arriba, nos accesos aos areais de Lagos e Area de Bon.

A Fundación Juan XXIII está desenvolvendo os traballos de desbroce de viais públicos por motivos de seguridade viaria, programa que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da Liña 2 do Plan Concellos 2020. Con cargo a esta mesma liña está financiado o programa de limpeza e mantemento de espazos naturais terrestres que está acometendo a empresa Estrumarsa SL. Aquí inclúense as áreas naturais de Chan de Esqueiros, Chans, e limpeza e mantemento dos roteiros de sendeirismo.