Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde visitou este xoves varias obras e reparacións

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este xoves as obras de reparación que levou a cabo FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de augas municipal, na zona de Bon de Arriba (Beluso), concretamente na intersección coa estrada provincial PO-315, onde houbo que proceder á colocación dunha tubaxe de pluviais.

Así mesmo, no lugar de Cabalo a concesionaria comezou coa instalación dun tramo de 100 metros de abastecemento que se une aos 200 metros que xa se deixaran listos hai un tempo, polo que as persoas da zona xa poden solicitar a alta no subministro de auga municipal.

Por último, na estrada PO-315, concretamente pola rúa Pazos Fontenla, estase procedendo ao arranxo e substitución das lousas rotas ou en mal estado. O alcalde salienta que estas actuacións xa se levaron a cabo tamén noutras zonas da vila como a rúa Montero Ríos, e que continuarán nas próximas semanas.

Instalación tubaxe pluviais
Reparación lousas Pazos Fontenla