Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de inscrición para o ‘Concilia Bueu’

Un dos obradoiros de verán coa rapazada

  • As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral ou na Sede Electrónica do 17 ao 24 de xuño
  • O programa constará de catro obradoiros de diversas temáticas que acollerán un total de 120 rapazas e rapaces

O Concello de Bueu abre este mércores, 17 de xuño, o prazo de inscrición para o programa ‘Concilia Bueu’, unha iniciativa conformada por catro obradoiros de diversas temáticas dirixidos á rapazada de entre 3 e 12 anos, que se desenvolverá do 1 de xullo ao 31 de agosto. Segundo destaca Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, “trátase dun programa cun marcado carácter social, co que pretendemos favorecer a conciliación laboral e familiar, ao tempo que damos unha alternativa de lecer para os nenos e nenas que estiveron tanto tempo pechados nas casas por mor da Covid-19”. Tamén, e como medida excepcional deste ano, o programa será de balde para as familias, asumindo o Concello todo o custe do mesmo.

O programa ofertará 120 prazas, das cales se reservará unha porcentaxe para nenos e nenas usuarias dos servizos sociais municipais. E dadas as condicións e restricións establecidas este ano, os obradoiros de patrimonio arquitectónico e cultural, medio ambiente, artes plásticas e escénicas, e cociña e alimentación saudable, celebraranse en diversos espazos e instalacións da vila.

En canto ao procedemento, o prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de xuño, e as solicitudes terán en conta tres requisitos principais: en primeiro lugar, para as nenas e nenos que xustifiquen o empadroamento en Bueu dun mínimo de 3 meses; ditas prazas adxudicaranse seguindo a orde de puntuación obtida pola aplicación do baremo da situación socio-familiar e socio-laboral. De existiren prazas vacantes poderán optar a estas nenas e nenos empadroados noutros concellos. E no caso de empate prevalecerá a orde de presentación de solicitudes.

Máis información sobre o programa no teléfono 699996683 (Manuel Menduíña).

Aquí podedes descargar as bases do programa, a solicitude e o baremo: