Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu participa na campaña da Mancomunidade de promoción do comercio local

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que “o sector do comercio e a hostalaría local necesitan que nos comprometamos dende as institucións”

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Xosé Leal, edil de cultura, ensino e medio ambiente de Bueu, participaron este xoves na presentación da campaña de promoción do comercio local impulsada pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

Neste sentido, a edil Silvia Carballo salientou que “esta campaña, na que levamos meses traballando, supón un gran paso”, pois “o sector do comercio e a hostalaría local necesitan que nos comprometamos dende as institucións”.

A empresa GF Studio foi a encargada de elaborar este plan publicitario baixo o lema #sondomorrazo, que fai referencia á fala propia da comarca e ao orgullo de pertencer a ela, tal e como salientou Jacobo Gayo durante a presentación. En clave humorística, realizáronse tres carteis con expresións e frases feitas de cada lugar, e outros tres vídeos curtos que foron rodados en diversas localizacións da comarca, entre elas, o porto bueués de Beluso. Estes carteis e spots difundiranse a través das redes sociais co obxectivo de chegar ao público máis novo e transmitir a necesidade de actuar en local para chegar ao global.

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña e presidenta de quenda do ente supramunicipal, recalcou que “este proxecto desenvólvese con persoas do Morrazo, pois a clave é aproveitar o talento da comarca”. Na mesma liña interveu Xosé Manuel Pazos, alcalde do municipio cangués, que salientou que “esta estratexia de apoio ao comercio local supón un salto de calidade na Mancomunidade, que ata o de agora só xestionaba os residuos e pasa a ser un motor de reactivación dos nosos sectores”. E, por último, Rodrigo Pastoriza, xerente de FECIMO, destacou que “é importante realizar esta campaña xusto cando o sector máis nos necesita”.

Este plan de reactivación do comercio local da Mancomunidade xa comezou hai unhas semanas cos cursos de dixitalización dirixidos aos pequenos negocios, e terá continuidade coa presentación do directorio de empresas da comarca.