Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu continúa apelando á responsabilidade cidadá para previr a Covid-19

Nestes momentos próximos á ponte e coas datas de Nadal á vista, dende a Alcaldía do Concello de Bueu continúase apelando á necesidade de que nos coidemos a nós mesmos e aos demais, e que nos esforcemos por cumprir con todas as medidas e indicacións sanitarias de prevención da Covid-19, como son o distanciamento social, a redución da mobilidade, o lavado permanente de mans e o uso de xel hidroalcólico. E é que, aínda que a incidencia do virus sexa baixa na vila, dende o Concello insisten na necesidade de “non baixar a garda”.

Félix Juncal, alcalde da vila, considera que este é o momento para avaliar a situación actual do Concello e por iso agradece “o compromiso do conxunto da cidadanía e das persoas de todos os sectores e ámbitos da sociedade que están conseguindo que o impacto da Covid-19 no noso Concello ata o de agora sexa moderado”.

É tamén o momento para recoñecer e agradecer, unha vez máis, a estratexia deseñada polo persoal do Centro de Saúde de Bueu, que se mantivo ao longo destes meses e que está sendo un factor determinante na consecución do obxectivo principal, que é combater os efectos da Covid-19. Neste senso, Juncal salienta que o centro sempre foi referente na contorna, e actualmente é piloto na realización de probas de antíxenos, e tamén é lidera as vacinacións contra a gripe de toda a comarca do Morrazo.

Por último, o alcalde volve apelar á responsabilidade cidadá para que as cifras de contaxio da Covid-19 continúen sendo baixas, pois “entre todos e todas debemos contribuír ao benestar persoal e colectivo, e sempre alertas”.