Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un directorio de empresas e venda online para o comercio da comarca

  • O Concello de Bueu colabora con este proxecto de apoio aos negocios locais impulsado dende a Mancomunidade e FECIMO
  • O alcalde salientou que “agora é máis importante ca nunca que a sociedade estea cohesionada e apoiando ao comercio de proximidade”

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Xosé Leal, participaron este venres na presentación do directorio de empresas e ‘marketplace’ impulsados pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

O rexedor bueués salientou que “agora é máis importante ca nunca que a sociedade estea cohesionada e apoiando o comercio local”, e “temos que saber afrontar a transformación que se está producindo na actualidade”.

A plataforma DoMorrazo ofrece un buscador de empresas, con diversos criterios, como as palabras clave, selector de localidades e categorías. Así mesmo, tamén se indican as empresas que ofrecen servizos a domicilio ou venda online. Tal e como explicou Rodrigo Pastoriza, xerente de FECIMO, as empresas da comarca que queiran darse de alta nesta plataforma deberán cubrir un formulario na mesma páxina.

Amais deste directorio, demandado por parte da sociedade e do tecido económico durante o confinamento domiciliario establecido pola Covid-19, o proxecto conta cun ‘marketplace’ Comercio do Morrazo a través do que a cidadanía poderá realizar as súas compras, e que permite aos negocios estender a súa atención ao público as vinte e catro horas.

Leticia Santos, presidenta da Mancomunidade e alcaldesa da vila moañesa, destacou que “é importante o traballo conxunto das concellarías de promoción económica dos tres municipios”; mentres que Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, apuntou que “temos que ampliar as miras dende a Mancomunidade para poder apoia tamén o sector servizos e o cultural”.