Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu honra esta fin de semana a memoria de José Gil, pioneiro do cinema galego

  • O precursor do cinema en Galicia mantivo un especial fío de conexión coa vila do Morrazo, onde rodou un dos seus filmes máis representativos, «Boda en Bueu»
  • Entre as actividades propostas están as visitas ao Cinemóbil nº3, proxeccións e a presentación dunha biografía sobre o cineasta

O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega no inicio do verán a Bueu, completando a primeira parte dun percorrido por trinta concellos da provincia de Pontevedra dando a coñecer ao iniciador da sétima arte en Galicia.

Dende a produtora Vía Láctea Filmes chegan con moitas actividades que pretenden comunicar e dar a coñecer, poñendo en valor e outorgando o espazo que merece na memoria colectiva dos galegos e galegas, a obra, percorrido vital e profesional e inmenso amor polo cinema de José Gil, un rapaz de orixe humilde nado en 1870 na aldea de Rubiós (As Neves) que a pesar diso logrou desenvolver un traballo de grande relevancia na historia do cinema galego. A programación ábrese este venres, 16 de xuño, pola mañá cando terán lugar as proxeccións para os centros de ensino e as visitas ao Cinemóbil nº3, que contén unha recreación do seu camión “Cinemóvil” e unha exposición ambulante para difundir a figura deste artista. Pola tarde o público xeral terá a oportunidade de coñecer máis a José Gil, cunha proxección de balde que se poderá ver ás 20 horas no Centro Social do Mar.

O día forte será o sábado, cando se celebrarán na contorna exterior da Casa Consistorial unha serie de eventos a partir das 10 horas. Comezarase coas visitas ao Cinemóbil nº3, e a continuación terá lugar a presentación do libro Nos días encantados de agosto, unha biografía de José Gil escrita por Manolo González (Ed. Galaxia) logo de 30 anos de pesquisas na vida e a obra do iniciador da arte audiovisual en Galicia, e que vén de ser galardoado co prestixioso Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. A xornada rematará ás 13 horas coa sesión vermú na compañía da Banda de Música Artística de Bueu, e na que poderemos escoitar algunhas das músicas de Gil, con títulos como “A miña aldea”, “Overture español”, “Alborada”, “Go Ring Them Bells”, “Nocturno”, “Balada Galega”, “Anmerland”, “Candilejas, “Tannhauser” e “Himno Galego”.

Na Galiza daquel tempo, José Gil foi o primeiro e o máis persistente traballador e artista a prol dunha arte non comprendida totalmente. Director, operador de cámara, fotógrafo, produtor, exhibidor de cine… E isto a pesar da súa vida tráxica, tamén de película, marcada polas enormes dificultades e desgrazas que tivo que atravesar, e tirando a pesar diso sempre cara adiante.

O Cinemóbil-Reclame Nº 2 presentouse en sociedade en outubro de 1929 en Vigo –suponse que despois dunha breve estadía en Sevilla- e tense constancia documental que o camión visitou Bueu. O título máis representativo realizado na vila  foi o filme conservado «Boda en Bueu»(1928) co rexistro do enlace matrimonial de José Santos Ríos y Manuela García Santos, celebrado o 20 de maio en Bueu. As conserveiras de Bueu patrocinaron a derradeira filmación de Gil: «Península de Morrazo» (1935).