O artista portugués António Bahía gaña o I Certame de Pintura Otero Baena coa obra ‘Sobrevoo’
- O xurado reuniuse este venres e decidiu outorgarlle o premio a esta creación, da que destacan a “súa calidade artística e unha poética de certa melancolía cunha linguaxe contemporánea”
- A exposición artística das obras finalistas aínda se pode ver durante todo o mes de xuño na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa
O artista portugués António Bahía resultou gañador do I Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis do Concello de Bueu coa obra titulada “Sobrevoo”, da que o xurado, que se reuniu este venres, destacou a “súa calidade artística e unha poética de certa melancolía cunha linguaxe contemporánea”. Ademais, tamén se valorou a entoación xeral do cadro.
O xurado, conformado por Xosé Leal, concelleiro de cultura, Covadonga López, directora do Museo Massó, Javier Pérez Buján, da Fundación Laxeiro, Fruela Alonso e Din Matamoro, da Facultade de Belas Artes, e Rosa Elvira Caamaño, artista canguesa, foi o encargado de seleccionar hai un mes un total de trece obras e cinco de reserva de entre os cincuenta e dous traballos artísticos recibidos no Concello e que concorrían ao certame. Agora, nesta segunda fase, o autor de “Sobrevoo” fíxose co premio polo que recibirá unha dotación económica de 1.500 euros e participará nunha gala de entrega que se organizará dende o Concello de Bueu.
O I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis foi creado este ano polo Concello de Bueu e a familia do artista bueués José Benito Otero Baena co obxectivo de promover a creación artística ao mesmo tempo que se dá a coñecer a súa figura. Actualmente, a Sala Amalia Domínguez Búa acolle unha exposición conformada polos traballos finalistas do certame, concretamente de ‘Massó, mi recuerdo’, ‘Sobrevoo’, ‘Sin título (de la serie Line Drawings)’, ‘Detalle’, ‘Las morenas’, ‘Familie Tijd’, ‘Figuras de cuerdas’, ‘En la Banda del Río’, ‘Espazos ocupados’, ‘Que’, ‘Puerto de Bueu’, ‘Glyph, 2023’ e ‘Arranxo’.
A Sala estará aberta todos os días ata o 30 de xuño, en horario de 12 a 14 h, e de 17 a 20 horas. Neste período, e preto do 27 de xuño, por tratarse da data do nacemento de Otero Baena, organizarase a gala de entrega do premio á que asistirá a persoa gañadora.
A posta en valor de Otero Baena
Esta exposición, correspondente ao I Certame de Pintura ‘Otero Baena’, insírese dentro dun proxecto ambicioso do Concello, en colaboración coa familia do artista, que contribuirá a conservar e manter vivo o legado do bueués, o cal se caracterizaba por ser unha persoa comprometida coa arte. Así, as dúas accións que se levaron a cabo polo momento foron a colocación dunha placa conmemorativa na que fora a residencia do artista na rúa Eduardo Vincenti, e a creación deste certame bienal.