Bueu comeza esta fin de semana co Entroido 2020
- A homenaxe deste ano será para Agustín Gutiérrez, quen destacou sempre polo impacto e a orixinalidade dos seus disfraces
- Esta fin de semana haberá obradoiro de decoración da carpa, festival de comparsas en Cela, concurso gastronómico e baile para persoas xubiladas
O Entroido de Bueu arrincará esta fin de semana cunha programación na que a rapazada e o público adulto serán os protagonistas. O desfile dos centros educativos de Bueu celebrarase mañá venres polas rúas da vila, e pola tarde, ás 17.00 h, o Concello organiza un obradoiro de decoración da carpa da Praza Massó, que acollerá os diversos eventos e obradoiros ata o 1 de marzo, cando se culminará co Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e o concerto de Broken Peach.
A fin de semana continuará o sábado no CEIP A Torre de Cela onde, a partir das 17.00 h, dará comezo o festival de comparsas organizado pola Asociación Cultural Costumes de Cela, e no que as persoas asistentes poderán gozar das ‘letrillas’ e da música de Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Kantaclaro, As Faltriqueiras e Tinta Femia, todas elas da vila. E para as persoas maiores, o Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu propón un concurso gastronómico de Entroido, que terá lugar ese mesmo día ás cinco da tarde no 2º andar do Centro Social do Mar. E o domingo continúa a festa para os xubilados e pensionistas co baile de Entroido amenizado polo grupo Amistad, tamén no Centro Social.
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, destaca que o Entroido de Bueu “pendura sobre tres eixos fundamentais: os disfraces, exemplificados no pasado na Sala Paraíso, as comparsas e o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro”. Cun gran respecto pola tradición, o Comité de Entroido decidiu homenaxear este ano a Agustín Gutiérrez, unha persoa memorable para toda a cidadanía bueuesa, e que desde os 14 anos comezou a crear disfraces orixinais e impactantes, que ían máis alá da vestimenta e que reivindicaban a idiosincrasia do pobo que o viu nacer. Precisamente, o Concello vai organizar unha exposición fotográfica arredor desta figura, que se poderá ver no Estaleiro da Banda do Río, na Sala Amalia Domínguez Búa e na entrada do Centro Social ata o 1 de marzo.
E comeza a próxima semana cos obradoiros infantís, programados do luns ao mércores a partir das 11.00 h na carpa da Praza Massó, e nos que se proporán diversos xogos e actividades relacionadas con esta festa. Iso servirá de quentamento para o Desfile Infantil do Enterriño da Sardiña, que sairá o mércores a partir das cinco da tarde polas rúas do casco urbano e na que se agarda unha gran participación.