O Concello de Bueu abre a consulta pública previa á aprobación da ordenanza de atención á cidadanía e administración electrónica
- O prazo para o envío de suxestións por parte da cidadanía esténdese durante 15 días naturais, é dicir, ata o 25 de marzo
O Concello de Bueu vén de abrir a consulta pública previa á aprobación da ordenanza de atención á cidadanía e administración electrónica, unha proposta coa que se pretende actualizar de forma integral a normativa municipal á estatal e que pretende ampliar as canles de comunicación coa cidadanía, ademais de reducir. O texto publicouse no taboleiro de anuncios municipal e establece un prazo para a achega de suxestións da cidadanía de 15 días naturais.
Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 25 de marzo para achegar as súas opinións, trámite que poderán realizar mediante a presentación da instancia correspondente que se atopa no Catálogo de Trámites da Sede Electrónica do Concello de Bueu.
Esta ordenanza busca regular pero tamén mellorar os servizos públicos locais ofrecidos e crear un modelo de xestión e comunicación máis áxil e sinxelo, na busca da simplificación administrativa.
Así, entre os obxectivos están diminuír os tempos de resolución de trámites, ao esixir a utilización dos medios electrónicos para certos colectivos ou tipos de procedementos, normalizar e automatizar procedementos e procesos a través das tecnoloxías, caso do padrón, e achegar a administración á cidadanía, creando novas canles de atención que permitirían que a veciñanza non tivera que desprazarse á casa consistorial para certos trámites cotiáns sendo posible a súa realización nas parroquias.
Nela regularanse os dereitos e deberes da cidadanía en relación coa administración dixital, a ciberseguridade na administración, a sede electrónica municipal, os sistemas de identificación e sinatura electrónica, o procedemento administrativo electrónico e o arquivo electrónico.