Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Adicam organiza un taller de intelixencia emocional en Bueu

  • A actividade, coa que colabora a concellaría de benestar social, celebrarase do 23 ao 25 de marzo, en horario de 18.30 a 19.30 h

A Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (ADICAM) organiza un taller de intelixencia emocional, dirixido preferentemente a mulleres de Bueu diagnosticadas de cancro de mama ou xinecolóxico. A actividade terá lugar do 23 ao 25 de marzo na sala de xuntas do Departamento de Benestar Social (Eduardo Vincenti, nº28).

Macu Rodríguez, concelleira de benestar social do goberno bueués, destaca a labor levada a cabo por ADICAM coas mulleres. “É importante coñecer a influencia das nosas emocións e do vocabulario emocional, pois o que non se nomea, non existe”, apunta.

As inscricións deberán entregarse no Departamento de Benestar Social, e o número de prazas ofertadas é de quince.

Contidos do taller

O obradoiro constará de tres sesións que tratarán diversos conceptos e prácticas relacionadas co fomento da intelixencia emocional. Así, na primeira abordaranse cuestións como a influencia dos pensamentos e das emocións, ou o vocabulario emocional; na segunda, explicarase o cerebro triuno, e os sesgos de pensamento intrusivos; e a última, presentaranse as ferramentas de autorrexistro, como o diario persoal, o stop and go, ou a respiración de Jacobson. No taller reflexionarase sobre estes conceptos da man de varias escenas de películas.