Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu reuniuse coa veciñanza da rúa A Pedra

  • A actuación foi acometida pola empresa COVSA cun importe de 289.902,86 euros
  • Félix Juncal definiu a actuación como “moi importante e que marca a diferenza na calidade de vida das usuarias da rúa”

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, edil de cultura e educación e voceiro do grupo do BNG, reuníronse este xoves coa veciñanza da rúa A Pedra para valorar os traballos de mellora integral que se levaron a cabo neste espazo e que supuxo unha “renovación moi importante e que marca a diferenza na calidade de vida das usuarias da rúa”. Así o salientou o rexedor nun encontro ao que asistiron unha vintena de persoas, e no que tamén aproveitou para trasladar as desculpas do goberno local debido aos atrasos na execución da obra, os cales se deberon ás malas condicións climatolóxicas dos meses anteriores.

Esta obra, que se atopa practicamente ultimada, supuxo unha mellora no acceso e a circulación de persoas con mobilidade reducida, ademais dun aumento dos anchos das beirarrúas, coa supresión das barreiras arquitectónicas e a sinalización tanto horizontal como vertical. Así mesmo, e tal e como lembrou Juncal, “renovamos os servizos e xestionamos a recollida de augas pluviais”. Ademais, habilitaranse dúas áreas de aparcadoiro que darán servizo non só ás persoas da zona, senón tamén ás usuarias dos centros educativos e do Pavillón Municipal Pablo Herbello. Precisamente acaba de iniciarse a escavación nunha finca de 1.300 metros situada diante do pavillón, e a continuación farase noutra parcela.

O proxecto foi adxudicado por un importe de 289.902,86 euros, IVE engadido, a Construcciones Obras y Viales SA e realízanse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra. Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello.