Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu amplía as redes de saneamento en diversos lugares do municipio

A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu está levando a cabo estes días a ampliación de dous tramos de saneamento en Cela, concretamente na zona entre A Pena e Paradela, cunha distancia de 300 metros, e no Burgo, de 65 metros. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “estas obras permitirán estender as redes para que todas as casas queden conectadas”.

Así mesmo, tamén se está rematando a instalación do bombeo no coñecido como Camiño de Sobalo, na parroquia de Beluso, tras a que FCC Aqualia procederá a realizar a conexión das vivendas para que o Concello culmine coa reposición do firme.

E outra das actuacións que forma parte desa mellora de infraestruturas no rural será a continuación do saneamento na zona de Cabalo, concretamente no tramo que vai ata a praia de Beluso, que seguramente se acometerá na próxima semana. Segundo apuntan dende a alcaldía, algúns destes tramos son moi complexos e houbo que resolver diversas situacións antes de iniciar as obras.