Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe preto de setenta traballos para os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

Tras o peche do prazo para o envío, o Concello de Bueu contabilizou un total de 69 traballos que concorren aos Premios Johán Carballeira. Concretamente, o departamento de cultura recibiu 50 poemarios e 19 traballos xornalísticos, que se valorarán nas dúas convocatorias. Estas cifras demostran unha vez máis que este certame é xa todo un referente a nivel galego, e que ano a ano incrementa as súas cifras.

Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, salienta que “é importante que un premio que aposta pola creación na nosa lingua se consolide” ao tempo que destaca “o crecemento paulatino dos traballos que se presentan na categoría de xornalismo”, algo a poñer en valor con motivo do Día dos Medios en Galego que se celebra o próximo domingo, 7 de febreiro.

Tal e como vén sendo habitual, o departamento de cultura que dirixe o nacionalista Xosé Leal conformará o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, a fin de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, amais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.

Estes premios, que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Marcos Abalde co poemarioAlcatrán (que proximamente publicará a Editorial Xerais) e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en Nieves Neira Roca, coa reportaxe “A fotógrafa revelada”, que viu a luz no xornal Diario de Pontevedra e que recentemente se converteu en libro da man de Acentral Folque.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Arancha Nogueira …