Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Medio Ambiente crea o programa Sostibueu21 que concienciará á cidadanía con accións a levar a cabo durante vinte e un días para crear hábitos a prol da sostibilidade

  • A iniciativa, que incidirá na cativada e na poboación en xeral arrincará en marzo co obxectivo de poñer mellorar a eficiencia enerxética no noso día a día

A aposta pola concienciación ambiental por parte do Concello de Bueu quere implicar a toda a cidadanía. Para iso o departamento de Medio Ambiente que dirixe Xosé Leal acaba de crear un programa chamado Sostibueu21 que busca inculcar hábitos sostibles para a poboación ao longo do ano baseados nos populares retos dos vinte e un días, que segundo varios estudos de psicoloxía son os precisos para adquirir certos costumes. Para iso o departamento buscará a complicidade das redes sociais para que a xente que decida ser parte desta iniciativa sexa proactiva a través de vídeos e podcasts nos cales conten as súas experiencias do día a día nos retos que se lanzarán de xeito mensual desde o Concello, que cada primeiro de mes proporá un obxectivo co cal ir cumprindo as tres seguintes semanas. O primeiro gran obxectivo ao que se enfrontarán as persoas participantes será o da eficiencia enerxética, precisamente un dos aspectos nos que está comprometido o goberno local que nestes momentos ten en redacción a súa estratexia neste eido coa elaboración do plan de acción para o clima e a enerxía sostible, que ten prevista a súa aprobación o vindeiro mes de marzo.

Para Xosé Leal “é importante concienciar á xente co que pode facer no seu día a día para axudar ao coidado do planeta, para actuar desde o local nos retos globais”. Neste aspecto o concelleiro nacionalista avanza que trasladará a iniciativa a vindeira semana a colexios e colectivos para ver de involucralos. En canto aos seguintes retos para os meses Leal avanza que serán en abril o coñecemento dos nosos ríos, en maio a compostaxe e a reciclaxe, en xuño accións de posta en valor dos nosos montes, en xullo accións de posta en valor dos océanos, en agosto redución no emprego de plásticos, en setembro a mobilidade sostible, en outubro a concienciación sobre a fauna local, en novembro consumo de produtos ecolóxicos e finalmente en decembro farase un balance de todos os hábitos conseguidos durante o programa.

Para todas estas accións o Concello conta con diversos documentos en elaboración en canto a normativas como pode ser o caso Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, xa elaborados coma o Plan de Mobilidade Urbana Sostible e prevé modificacións en ordenanzas tanto a nivel local no caso da de Medio Ambiente como a nivel da Mancomunidade no referido á recollida e tratamento do lixo.